Mans - Noticias

A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA CONVOCA UN NOVO PROGRAMA DE APOIO Ó EMPRENDEMENTO MUSICAL

16
Oct
2017

A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA CONVOCA UN NOVO PROGRAMA DE APOIO Ó EMPRENDEMENTO MUSICAL

A Fundación Paideia Galiza, a través Estudios Mans, e a Deputación da Coruña poñen en marcha unha nova edición do programa Outra+Outra, un certame dirixido a grupos e solistas da provincia da Coruña. O concurso está aberto a agrupacións de calquera estilo musical e constará de dúas fases: unha primeira, na que os interesados en participar, deberán presentar desde o 16 ó 30 de outubro, unha maqueta a través da páxina web http://outraoutra.estudiosmans.com/. Todos os traballos presentados serán valorados por un xurado profesional formado por promotores de salas de concertos de Santiago de Compostela: Antonio Borrazás (Sala Capitol), Martín Calviño (Sala Riquela), Miguel Lueiro (Sala Sónar) e Ricardo Picón (Sala Moon). O fallo do xurado farase público o 6 de novembro. Na segunda fase do concurso, os cinco grupos máis votados participarán nunha audición final na Sala Capitol de Santiago de Compostela o vindeiro 16 novembro. Os dous grupos máis votados na audición en directo gañarán como premio a gravación, mestura e masterización dun EP en Estudios Mans na Coruña. Ademais, o primeiro clasificado terá a opción de gravar un vídeo promocional durante a propia gravación do EP.

 

Apoio ó emprendemento musical

 

A Fundación Paideia Galiza vertebra a súa actividade sobre cinco eixes de traballo: discapacidade e emprego, xuventude e mobilidade, desenvolvemento territorial, formación, investigación e divulgación e emprendemento. Precisamente no desenvolvemento deste último eixe, o de emprendemento, é no que se enmarca o certame musical OUTRA+OUTRA, a través do que promove o apoio ó emprendemento cultural coa finalidade de fomentar a creatividade artística e musical empregando como plataforma os Estudios Mans.

Por este motivo, a Fundación Paideia Galiza, coa colaboración da Deputación da Coruña, pon ó servizo dos emprendedores do sector cultural e musical, a oportunidade de participar nun certame a través do que os gañadores poderán ter a oportunidade de actuar nunha das salas máis importantes de Galicia ademais de  gravar un EP en Estudios Mans, un estudio de gran formato que conta ademais cun plató audiovisual de 240 m².

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

+Info: paideia@paideia.es / 981 22 39 27