Mans - Noticias

A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA E A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN CREAN UN PREMIO EXTRAORDINARIO PARA ARTISTAS NOVEIS

18
Jul
2016

A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA E A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN CREAN UN PREMIO EXTRAORDINARIO PARA ARTISTAS NOVEIS

  • A Fundación Paideia e a Consellería de Educación colaboran xuntas para o impulso das ensinanzas profesionais e superiores de música de Galicia.

 130716 Firma PaideiaA Fundación Paideia Galiza e maila Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acordaron unha colaboración conxunta para impulsar as ensinanzas profesionais e superiores de música en Galicia.

 

Ao abeiro desta colaboración -que foi ratificada entre o conselleiro Román Rodríguez e o vicepresidente de Paideia, Guillermo Vergara- créase o Premio Extraordinario Paideia Galicia-Consellería para artistas noveis que se lle outorgará ao alumno que obteñan a maior cualificación no proceso de selección convocado de acordo coas bases establecidas; así como dúas mencións de honra específicas.

 

O obxectivo deste galardón é promocionar e poñer en valor, no ámbito da música, a aqueles artistas galegos cunha traxectoria excelente que veñan de rematar os seus estudios profesionais de música nos conservatorios da Comunidade Autónoma. Como premio, o alumno ou alumnos seleccionados, terán dereito a gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun CD.

 

A maiores, tamén se concederán diversos premios a titulados de ensinanzas superiores de música na especialidade de interpretación dos conservatorios galegos. Estes galardóns consistirán en gravacións discográficas ou maquetas, ben como solistas ou ben en formacións camerísticas, e a súa posterior distribución e difusión.

 

A Fundación Paideia Galiza encargarase de ceder as súas instalacións e a sufragar os gastos que orixine a realización das gravacións. Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación encargarase de promover a convocatoria entre o alumnado dos conservatorios superiores de Galicia, así como a difundir a obra premiada.

 

Poderán concorrer a estes premios os alumnos dos conservatorios superiores da Coruña e de Vigo que cumpran unha serie de requisitos como acadar a cualificación de sobresaínte ou matrícula de honra no traballo de fin de estudos na especialidade de interpretación e ter superado dito traballo no ano académico anterior ao da convocatoria dos premios, entre outros.

 

Este acordo enmárcase dentro das distintas iniciativas de colaboración conxunta que desenvolven a Fundación Paideia e a Consellería no ámbito educativo e do emprendemento.