Mans - Noticias

IV Premios PEL Deputación da Coruña

12
Nov
2020

IV Premios PEL Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña ven de convocar a IV Edición dos Premios PEL. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou as bases reguladoras dos premios que este ano incorporan unha nova categoría para premiar as iniciativas innovadoras na loita contra a COVID-19. O seu obxectivo é o de recoñecer o esforzo e implicación das empresas, das asociacións empresariais e dos concellos da provincia no desenvolvemento económico e na creación de emprego e riqueza.

Nesta convocatoria repartiranse un total de 75.000 euros, con 15.000 euros para cada categoría. Deste xeito, ás cinco categorías que conforman esta nova edición son:

1ª categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial nova.

2ª categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada.

3ª categoría: Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19.

4ª categoría: Premio ao concello promotor do emprego de calidade.

5ª categoría: Premio á mellor asociación empresarial.

 

Obxecto das categorías

Mellor iniciativa empresarial nova e Mellor iniciativa empresarial consolidada

Son as veteranas, destinadas exclusivamente ao tecido empresarial da provincia. Á primeira categoría poderán presentarse pemes, microempresas e persoas profesionais autónomas que iniciasen a súa actividade empresarial ininterrompida nas anualidades 2019 ou 2020 e sempre con anterioridade á publicación da convocatoria no BOP, mentres que na segunda esixirase que comezasen a súa actividade empresarial ininterrompida durante a anualidade 2015 ou con anterioridade.

En ambas categorías os criterios a valorar serán a orixinalidade do proxecto empresarial, o seu carácter innovador e as medidas de responsabilidade social implantadas, entre outros.

Iniciativa innovadora na loita contra á COVID-19

A principal novidade desta edición radica na terceira categoría, dirixida tanto a empresas como concellos de menos de 20.000 habitantes que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posible cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os danos, efectivos e colaterais, ocasionados pola pandemia.

Nesta categoría valoraranse aspectos como o desenvolvemento de proxectos innovadores na loita contra a COVID-19, medidas implantadas para o benestar e seguridade das persoas traballadoras, accións altruístas realizadas relacionadas coa excepcionalidade da situación ocasionada pola pandemia, entre outros.

 

Requisitos para participar

Non se admitirá máis dunha candidatura por entidade e categoría.

A participación será gratuíta e só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel: https://sede.dacoruna.gal/subtel/

Cada entidade candidata presentará unha memoria de candidatura, que deberá respectar a estrutura indicada nos criterios de valoración relativos á categoría que se presenta e non poderán exceder das 7 páxinas. Na memoria deberá incluírse, con carácter obrigatorio, o enlace a un vídeo de candidatura, aloxado en calquera plataforma dixital de reprodución de vídeo ou na propia web corporativa, gravado en formato horizontal, cunha resolución mínima de 1080 píxeles e de duración non superior a 3 minutos.

O prazo de presentación de candidaturas ao Premio abrirase ao día seguinte da publicación da convocatoria na Base Nacional de Subvenciones e estará aberto ata o 8 de xaneiro as 14:00. A mera presentación das candidaturas en tempo e forma suporá a súa aceptación no proceso de valoración e selección.

 

Pode consultar as bases e a convocatoria no BOP nº 191 de 11 de novembro de 2020 e na páxina web do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial:

https://emprego.dacoruna.gal/lineas/lina-2-pel-emprende/premio-provincial-mellor-iniciativa-empresarial/